Diario del Gourmet de Provincias...
Este mes falamos con Jorge Guitián, blogger fundador de Diario del Gourmet de Provincias y del Perro Gastrónomo, un blog gastronómico de calidade que ofrece información e opinións sobre varios aspectos da cultura culinaria da comunidade e do país.
Con varios premios ás súas costas, como o Premio Nacional Álvaro Cunqueiro de Xornalismo Gastronómico en 2008, o Premio Navarra Gourmet ao Mellor Blog Gastronómico en 2009 ou o Premio Gastronomía Alternativa en 2010, este historiador especializado en xestión do patrimonio cultural, compostelán nacido en Vigo, demostra a súa valía no eido culinario a través do interesante arquivo do de Diario del Gourmet de Provincias y del Perro Gastrónomo, compaxinándoo co seu traballo como colaborador de O Correo Galego, Santia-GO! Magazine, a Guía Cicerone, Cocina Futuro,Vanity Fair, Localita TV Santiago, Radio Obradoiro, Culturagalega.org, Muchogusto.net, etc.
Na actualidade, xunto con Telefónica e El Bulli Foundation, Jorge traballa na organización do I Encontro Europeo de Blogs Gastronómicos, que se celebrará en Barcelona no último trimestre deste 2011.


- O teu prato favorito: Un bo bocata de tortilla de patacas
- A receita que mellor che sae: O guiso de calamares con patacas e chícharos
- O teu blog gastronómico de cabeceira: Se falamos de crónicas gastronómicas, Observación Gastronómica; se falamos de blogs de cociña, hai moitos: El Cocinero Fiel, Recetas de Rechupete, etc.
 

O teu blog xa ten solera, canto tempo levas publicando?
Seis anos e medio. Comecei cunha primeira versión en outubro de 2004 e na actual veño traballando desde marzo de 2005.

De onde xorde a idea de comezar un blog gastronómico?
Sempre fun ese membro dos grupos de amigos ao que todos lle preguntar por un sitio para saír a comer, por un prato para un día que teñen unha comida especial ou pola última novidade en locais de tapeo. Xorde de aí, da necesidade de ir arquivando esas cousas e, tamén hai que dicilo, dun traballo que me aburría e me deixaba moito tempo libre, así foi nacendo a idea. Logo comecei a prestarlle máis atención dun xeito gradual: compaxinándoo co traballo, que non tiña nada que ver coa gastronomía, despois participando cada vez máis en eventos relacionados con ela e, finalmente, desde 2009, facendo de todo isto, que era unha afección, o meu xeito de vida.
 
Describe un pouco o blog do Gourmet de Provincias, cal é a súa orientación e intención?
Pois hai varias liñas de base: a primeira é a de funcionar como un arquivo de locais que visito, de eventos aos que asisto, produtos que me interesan, etc. Outra liña importante é a divulgación da cultura gastronómica, e especialmente a galega, de cara a unha audiencia o máis ampla posible. Por iso optei por escribir en castelán: intento que o público de fóra de Galicia teña acceso á información e opinións sobre a nosa gastronomía. E todo isto combínoo cunha parte que ten máis que ver coa miña formación e que me leva a escribir sobre a parte cultural e estética da cociña.
 
E por que da cociña, de onde vén esta afección?
De familia, sen dúbida. A miña nai sempre foi unha afeccionada á cociña e na miña casa había libros de gastronomía, non só receitarios, que compraban tanto ela como o meu pai, que é bibliotecario e ten unha enorme afección polos libros. Supoño que de aí vén todo.
 
Podes contarnos dalgún descubrimento recente interesante, se o hai?
Hai moitos, por sorte. Un nunca deixa de atopar pequenas tradicións locais case desaparecidas e, ao mesmo tempo, cousas novas que van agromando. Por exemplo, hai unha tempada descubrín que en Galicia se elaboraba, ata hai tres ou catro décadas, o garo, unha herdanza directa do Garum, que era unha salsa da cociña romana clásica; así que levaba aí 2.000 anos entre nós.
Alén do blog en si, estás ou estiveches metido nalgunha outra actividade culinaria que xurdira por mor del?
Pois si. No ano 2006 botamos a andar, con outros blogs galegos, as Xantanzas e o grupo dos Blogastrónomos Galegos, dos que xa non participo que nos que estiven moi implicado no seu momento. Despois viñeron algunhas participacións en eventos e en encontros dese estilo organizados por outros grupos de bloggers, como os Tapas&Blogs, que se celebran en Madrid, ou o Twittsev de Sevilla, entre outros.
 
O teu blog contén unha listaxe extensa de blogs de cabeceira, restaurantes e cociñeiros, enlaces e multitude máis. Tes algún favorito que recomendarnos?
Pois si, claro. Entre os galegos citaría a moitos: El Mercadito (Santiago), Solla (Poio), Pepe Vieira (Poio), Culler de Pau (O Grove), Abastos 2.0 (Santiago), Acio (Santiago)… Logo, nunha liña máis tradicional, son moi afeccionado, por exemplo, á Taberna Vikinga de Catoira, ao polbo que cociñan no Chinto (Porto do Son), etc.
 
Vendo a entrada da túa recente visita a El Bulli, malia a envexa, entendo que non é lugar para calquera, mesmo se se consegue sitio. Que destacarías de El Bulli e de Ferrán coas súas innovacións culinarias?
Pois salientaría a atmósfera. Todos os comensais están a sorrir durante toda a súa estancia no restaurante. Polo demais, é certo que é unha cociña complexa, que seguramente non é para todos os públicos, pero que sen dúbida forma parte dunha experiencia única. En canto a Ferrán, penso que o seu valor non está tanto nos pratos (que tamén) como na sua creatividade permanente. E por sorte dá a sensación de que iso vai seguir aí ainda que El Bulli peche as súas portas o vindeiro mes de xullo. 
 
Pódesnos recomendar a algún blogger gastronómico que admires en particular?
Admiro a moita xente neste sector. Txaber Allué, de El Cocinero Fiel, é un exemplo para min de como facer ben as cousas, sen deixar nada ao azar. Alfonso, de Recetas de Rechupete, sorpréndeme sempre pola súa capacidade de traballo, compaxinando o blog cunha profesión que non ten nada que ver con ese mundo. E podería citar moitos máis!
 
Non te perdas as novas e opinións de Jorge Guitián en http://gourmetymerlin.blogspot.com/
 
compartir en facebook
compartir en twitter
Bookmark and Share
PUBLICADO POR Sabela González el 25/05/2011
Gastronomía, Entrevista

La revista Dot: nace como una necesidad de dar a conocer lo más relevante en el panorama artístico y cultural de Galicia. Una guía útil, pero sobre todo eficaz, para los que viven aquí y los que vienen por primera vez, cuya intención es dar a conocer todo lo que se puede hacer y en dónde se puede hacer.  Cada dos meses, os presentamos en una tirada en papel de 12.000 ejemplares distribuidos en casi 1000 puntos de distribución ... leer más

Suscríbete a nuestro boletín semanal y recibe nuestras recomendaciones semanales en tu correo
A Coruña | Ourense | Pontevedra | Santiago | Vigo
DOT MAGAZINE © 2017 · Todos los derechos reservados · Dot: está editada por ChaChaChaStudio | Aviso Legal | Panel de redactores
Irmandiños 8, 4ºA, 36201 Vigo (SP) | T. +34 692 140 602 | info@dotgalicia.com