BARN OWL-LIBRARY TAPES-GARETH DICKSON-COMPOSTELA!


A fin de semana pasada estiven en Compostela e aproveitei para achegarme a dous concertos que había programados. O sábado, no CGAC, o dúo Barn Owl dentro das Xornadas de Música Contemporána e o domingo, no Kunsthalle, Library Tapes máis Gareth Dickson no ciclo Placeres Ocultos de Desconcierto Cultural.

 

Barn Owl son Evan Caminiti e Jon Porras, dous rapaces con base en San Francisco, amigos do drone (ese estilo tan asociado á modernidade e á vangarda) na súa raiz máis neopsicodélica e máis cósmica, que levan uns cantos anos traballando sen descanso para sacar fóra todo o que os inqueda. 

Ás 22:35h. do sábado saíron ao escenario do centro de arte veciño de Bonaval e, nun continuo de cincuenta e cinco minutos, provocaron en min sensacións moi diferentes. Foi un espectáculo sen pausas onde as atmosferas expansivas dos sons pregrabados se enlazaban cos infinitos riffs de guitarra nunha batalla de distorsión e ruidismo que non deixaba lugar á calma nin á desatención. 

Deixo claro, antes de falar das miñas sensacións, que o meu estado de enerxía non era o ideal para ese tipo de música e por eso, pode que non soubera desfrutalo… ou pode que a miña forma de facelo fose a ideal… non sei. 

Imaxino que coñecedes esa sensación tan agradable que se produce no momento no que un está tirado no sofá unha tarde de domingo por exemplo, sen durmir pero cos ollos pechados, moi cómodo, ese estado no que un está en dous mundos ao mesmo tempo, o da desconexión e o da conexión, nese leve tránsito que vai dun a outro mantido polos sons do ambiente que o rodea, uns sons que non permiten a doce desaparición. Así é xustamente como o vivín, coa vista nublada pola bruma do sono e os oídos mecidos pola nana do futuro.

Un concerto de exploración sonora, de letargo natural, que me traía ecos de Sunn O))) sen tanta escuridade sinistra-monasterial e de Masters Musicians Of Bukkake con menos exotismo e máis raios de luz láser. 

Sería unha banda sonora ao pelo para o filme de Ridley Scott, Blade Runner.

 

Ao día seguinte, a última hora dunha tarde menos tarde que a anterior polo cambio horario, dinme cita con outras corenta persoas na zona subterránea do local da rúa Conga coa intención principal de escoitar a David Wenngren (unha das metades que queda de Library Tapes). 

O piano foi o protagonista da media hora que tocou, sempre por encima deses sons grabados en exteriores que lle dan un colchón experimental e que en ocasións sentan tan ben (léase, sobre todo, Nicolas Jaar ou Tim Hecker e menos neste sueco ao que eu prefiro simplemente co piano).

Eu viña cunha moi boa sensación de boca coa grata sorpresa que foran para min o EP "Fragment" e o álbume "Sketches" pero ao vivo non acabou de chegarme de todo. Pode que fose pola pouca conexión do xove coa audiencia (tanto musical como persoal), ou polo cansancio acumulado que sufría o meu corpo, ou pola posición que adoptou no escenario, ou por ese pregrabado que meteu cos comentarios do partido do Real Madrid de El Carrusel Deportivo da Cadena Ser (que, por certo, creo que crearon no público, en min sí, un efecto que respondía máis a un fallo técnico no son que un signo de experimentación musical pola falta de maridaxe artística). 

O que sí me chegou, e moito, foi o británico asentado en Argentina Gareth Dickson. Non tivera o pracer de experimentalo nin en disco nin en directo e quedei impresionado. Facía tempo que ese combo de guitarra e voz non me emocionaba tanto. 

Cunha sinxeleza e unha humildade moi real sobre as táboas, o músico paseoume por uns camiños de elegante intimismo onde uns acordes esaxeradamente delicados e líricos se conxuntaban cunha voz moi medida que bailaba entre os tonos do grandísimo Nick Drake (de quen fixo unha versión moi aplaudida no bis) e eses finais de frase caídos e rumorosos de Aute. 

Nunhas cantas cancións deu unha lección de sutileza e sensualidade creando uns ambientes similares, á miña percepción, aos de grandes e esquecidos nomes como The Durutti Column e o seu "Lips That Would Kiss" ou aos de precoces e recoñecidos talentos como o de The XX… e todo esto cun só instrumento, coa comodidade dun home xogando coa súa guitarra.

Sen medo a trabucarme, sei que Dickson seguirá comigo bastante tempo, ao meu carón, mentres escribo, mentres penso, mentres cociño, mentres leo...

 

Gracias aos que fixeron posible este meu descobrimento que, de seguro, lles supuxo un grande esforzo.





Foto Barn Owl: Jalo Catro.
Fotos Library Tapes e Gareth Dickson: Desconcierto Cultural.

compartir en facebook
compartir en twitter
Bookmark and Share
PUBLICADO POR Jose Angel Lopez el 31/10/2012
Agenda, Música

La revista Dot: nace como una necesidad de dar a conocer lo más relevante en el panorama artístico y cultural de Galicia. Una guía útil, pero sobre todo eficaz, para los que viven aquí y los que vienen por primera vez, cuya intención es dar a conocer todo lo que se puede hacer y en dónde se puede hacer.  Cada dos meses, os presentamos en una tirada en papel de 12.000 ejemplares distribuidos en casi 1000 puntos de distribución ... leer más

Suscríbete a nuestro boletín semanal y recibe nuestras recomendaciones semanales en tu correo
A Coruña | Ourense | Pontevedra | Santiago | Vigo
DOT MAGAZINE © 2017 · Todos los derechos reservados · Dot: está editada por ChaChaChaStudio | Aviso Legal | Panel de redactores
Irmandiños 8, 4ºA, 36201 Vigo (SP) | T. +34 692 140 602 | info@dotgalicia.com